NACIÓN
- Margarita Ledo Andión
- 2020
- filme de non ficción
- 90'
- Galego
1969: Nieves Lusquiños entra a traballar na fábrica de louza «Pontesa» aos 14 anos. Lembra o primeiro sobre coa paga semanal, un sobre beis, non moi grande que tén que entregar na casa pero que a fai sentirse importante.
Aos 18 estrea vacacións co seu Diane6 amarelo e descapotábel, estrea reunións prohibidas, os gintonic en «Flope»... até que un día o patrón deixa de pagar. Traballar sen cobrar? Iso nin falar. Non traballedes gratis, por favor. A la mierda!, exclama Nieves.
A intimidade da historia de Nacióné Nieves, personaxe-sibila, e un grupo de operarias no papel de pasadoras, que nos dan a ver o que representa a fin dunha época na que a muller accedera ao traballo industrial. A súa experiencia chéganos a través de vestixios, de sinais, de imaxes do corpo como arquivo de acontecementos, persoais e comunais, que colocan nas mans e traen para a gorxa batallas á desesperada para manter os postos de traballo. Máis os ecos dunha frase «tardámosche ben en ser nación!», co seu reverso na ruína das fábricas de louza, de téxtil, de conserva. As marcas que esa desaparición deixa no filme son inscricións de momentos de existencia, de voces que entran en conflito coa iconografía oficial das mulleres como obxectos de «quita e pon». Son accións que manteñen o non, que desafían o augurio, que se expresan en feminino, que atravesan a cerca. É o retorno aos anos felices que preservan algúns arquivos.
Nieves é ela e todas as mulleres que, condenadas a volver «ao fogar», buscan unha saída diferente. A convivencia con Mónica de Nut, performer e precaria, fai emerxer un relato que transita memoria e imaxinario deica chegar a respirar coa película. A voz da esfinxe, destinada a abrir e a pechar o filme, desvíase da súa función e deixase arrastrar por un corpo que, en acto, libera os medos. A arquitectura sonora que compón Mercedes Peón, elemento substantivo da atmosferade Nación, vai a compás de imaxes cuxa orixe, imperfección e formatos diferentes achégannos, nalgúns momentos, a un filme de familia e sempre ao latexo da sororidade.
O Grupo de Empresas Álvarez, ao que pertence A Pontesa, referencia na que se engarza Nación, pecha en 2001 sen pagar salarios e indemnizacións. A inmobiliaria Subel adquire parte dos terreos das fábricas pero incumpre os acordos coas traballadoras que lle reclaman, desde hai anos, 2,5 millóns de euros. O 28 de xaneiro de 2020 o xuízo ficou «visto para sentenza».
Film credits
Margarita Ledo Andión
Escritora e cineasta, é catedrática de comunicación audiovisual da USC. Da súa novela Porta Blindada (Edicións Xerais, vigo, 1990), devén a personaxe masculina de A cicatriz branca (Galicia-Argentina, 2012), a súa primeira película de ficción, un filme feminista que contou cunha axuda do icaa e do Instituto de la Mujer. Investigadora e autora de obras sobre cinema autoral como Cine de fotógrafos (gg, Barcelona, 2005), premio «Espais d’Art Contemporani» o de ensaios como El cuerpo y la cámara (Cátedra, Madrid, 2020), a súa vertente experimental está en curtas que forman parte da programación do Festival de cine periférico S8 (Illa, 2009; A auga branca, 2019) para alén de Cienfuegos, 1913 (2008) para a Feria del Libro de La Habana ou Groenlandia (2018) para o Festival de Poesía «Alguén que respira». Entre outros festivais (DocsLisboa, Málaga, Babel...), en 2012 o de Douardenez, exhibe as longametraxes Santa Liberdade (Galicia- Brasil-Venezuela, 2004) e Liste, pronunciado Lister (Galicia, 2007) e no 2017 o festival internacional DocumentaMadrid dedícalle unha retrospectiva so a marca da utopía e as errancias do século xx.
No ámbito do cinema militante é produtora executiva de CCCV, 2005, de Ramiro Ledo Cordeiro e autora de curtas como Lavacolla 1939 para o filme colectivo Hai que botalos! (2006). É autora, asemade, de obras de factura cultural e social coma a mediametraxe Apuntamentos para un filme (2012), incluída nos programas da Secretaría Xeral da Igualdade; Manuel María: «eu son fala e terra desta miña Terra» (2005/2016), ou a peza Bucle, para o libro-cd «Herdeiras» de Carmen Penim.
Dirixe o Grupo de Estudos Audiovisuais e a serie «Para unha historia do cinema en lingua galega», con tres volumes xa publicados pola editorial Galaxia: Marcas na Paisaxe, 2018; A foresta e as ás árbores, 2019; De illas e sereas, 2020. Dirixe o proxecto de i+d+i Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas, que é continuación do que finalizou en 2015: Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal. É Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e membro da Real Academia Galega. A foto é de Xosé Castro